Unha veciña de Ribadeo enfróntase a unha petición de cinco anos de cárcere por unha suposta estafa á súa tía, incapacitada por demencia senil. Tamén está imputada unha amiga da suposta vítima. Entre ambas as dúas puideron apropiarse de 150.000 euros, segundo expuso a fiscala no xuízo que se celebra na Audiencia Provincial de Lugo.
Unha suposta estafa a unha anciá de Ribadeo, incapacitada por demencia senil, sentou no banco da Audiencia Provincial de Lugo a súa sobriña e a unha amiga da suposta vítima.
Segundo a fiscalía entrámbalas dúas puideron apropiarse de case 150.000 euros aproveitándose da súa confianza e do deterioro das súas facultades mentais. As acusadas figuraban como titulares ou autorizadas en varias contas bancarias e tamén en accións preferentes. A acusacion pública pídelle cinco anos de cadea a sobriña e tres á outra muller. Durante a vista negaron terse apropiado de cartos, e aseguraron que só recibiron algunhas cantidades que a anciá lles entregaba de xeito voluntario en agradecemento polos coidados que lle dispensaban.
Pola contra a fiscalía cre que organizaron todo pra quedarse cos cartos. Non entende como dende a súa incapacitación as cantidades que retiraba a suposta vítima do banco puideron pasar de 30 ou 50 euros aos 20 ou 25.000, cando ademais a anciá estaba xa ingresada nunha residencia da terceira idade.
Fuente: Televisión de Galicia